Durante o último pleno antes da miña investidura como concelleiro
Durante o último pleno antes da miña investidura como concelleiro. Foto: Santi M. Amil

Nas próximas semanas entrarei como concelleiro da oposición en Verín.

Dende moi novo escoito que me tiña que animar a entrar neste mundo, xa que se necesitan políticos cunha actitude diferente, máis próximos aos veciños. Tras desestimar propostas de varios partidos, hai 5 anos aceptei o reto de presentarme a unhas eleccións municipais. ¿Por que non axudar aos demáis tamén dese xeito? ¿Por que quedar de brazos cruzados agardando tempos mellores se teño a oportunidade de cambialos eu? Daquela só faltaron 14 votos para entrar no goberno municipal. Pasaba a ser ‘reserva’. E algo semellante, pero con maior marxe, aconteceu o ano pasado. Ata agora.

Un compañeiro, o exconselleiro Castor Gago, deixa o seu posto no pleno por motivos persoais. Seguirá traballando dende a militancia, achegando a súa gran experiencia. E, loxicamente, alguén terá que ocupar o seu lugar. Dende o partido pensamos que é unha boa oportunidade para dar a entrada a sangue nova.

Serei oficialmente concelleiro no seguinte pleno, en data por determinar antes do 8 de xaneiro.

 

Devolver a confianza… escoitando moito e traballando en equipo

Como vos dicía, entro para cambiar cousas. É a única forma que teño de entender a política. De entender a vida en xeral. Os concelleiros somos escollidos por vós, os veciños, para escoitar as vosas inquedanzas e tratar de atopar solucións reais para elas.

Son moi consciente das sensacións que vos veñen á cabeza ao pensar nos políticos. E que, no fondo, todos confiades en que apareza xente que consiga facer políticas máis humanas. É un desafío que asumo como propio. A min tamén me apetece que mellore. Hai que intentalo. Intentalo de verdade. NON son dos que se queda de brazos cruzados, queixándose no bar, esixindo que as cousas as fagan os demáis. Gústame tomar a iniciativa. Estou convencido de que unha boa actitude move montañas. Asumo que vou errar unha e outra vez. Só así se aprende a facer as cousas ben para que cheguen os resultados.

Levades tempo trasmitíndome a confianza de que se pode conseguir. Non vai ser doado facelo dende a oposición e coa miña pouca experiencia neste mundiño, pero podedes estar seguros de que me esforzarei. Xa sabedes que son un apaixonado por axudar aos demáis, e con este desafío non vou deixar de facelo.

Toca escoitar, escoitar e escoitar. Aprender qué vos preocupa e qué se iniciativas tedes. E buscar fórmulas innovadoras que melloren a situación. Trátase, en definitiva, dun traballo en equipo entre vós e nós. Aliñados cara os mesmos obxectivos e facendo cousas xuntos.

Vai ser unha etapa apaixonante. Comezamos co cambio. Anímaste?